Entra / Rexístrate

Actualidade

Beneficios de ler novela gráfica

Achéganse as vacacións de verán e con elas os nosos hábitos lectores adoitan variar. Hai quen aproveita para enfrontarse a esa longa novela que estivo reservando para saborear cando máis tempo libre se ten. Pero tamén están as persoas que prefiren lecturas máis lixeiras, dado que a súa capacidade de concentración é menor debido á calor e ás distraccións que hai a o noso arredor: as pas e a música na praia, os lanzamentos no río ou na piscina, o ambiente alegre nos parques…

Para manter o noso hábito lector, a novela gráfica ou cómic poden ser un grande aliado e por iso contámosche algúns dos seus beneficios:

  • Fomentan o hábito da lectura e xeran confianza nos primeiros lectores. Tanto se están aínda silabando ou tardan moito en ler unha páxina, para moitos resulta un estímulo poder avanzar e non ter que enfrontarse a unha páxina completa de texto. Sobre todo, para aqueles nenos e nenas que dan o salto dos libros ilustrados á narrativa continua.
  • Desenvolve a comprensión lectora e mellora o vocabulario. As viñetas axudan a recoñecer as emocións dos personaxes, a interpretar a linguaxe non verbal, pero tamén axuda a adquirir novo vocabulario, xa que as ilustracións permiten asociar a palabra co seu significado rapidamente.
  • Estimulan a creatividade e a imaxinación. Os seus personaxes e historias desenvólvense nun espazo sen límites para a imaxinación onde os lectores poden crear as súas propias historias.
  • Facilita a lectura en familia. Os cómics e as novelas gráficas non teñen idade. As mesmas historietas que gozamos de nenos gozarémolas de adultos xunto os nosos fillos e fillas. Moitas novelas gráficas están dirixidas a un público tan amplo que se poden ler e gozar con 7, 18 ou 48 anos.
  • Promove a aprendizaxe de temas concretos. A novela gráfica abrangue moitos temas; a historia a través dos seus personaxes, a ciencia mediante a fantasía ou a novela clásica universal.

 

Desde aquí convidámoste a aventurarte nos cómics e gozar coa súa axuda de clásicos como A illa do tesouro, Frankenstein ou Vinte mil leguas baixo dos mares.