Entra / Rexístrate

Actualidade

Coñecemos a Carlos López

De min podo dicir que me gusta usar sombreiro e que o vento da miña cidade, que en ocasións sopra forte, máis dunha vez o leva voando para xogar con el coma se fose un papaventos. Cando cansa de voar o sombreiro, o vento devólvemo amablemente e póusao de novo sobre a miña cabeza.

De min podo dicir que gozo moito paseando, tanto que de cando en cando as miñas pernas van soas camiñar mentres estou sentado no sofá.

De min podo dicir que me encanta o arroz con leite, e tamén o leite con arroz, os milfollas (sobre todo se teñen máis de mil follas) e un bo xeado. O meu xeado favorito é o de neves perpetuas, porque non acaba nunca.

De min podo dicir que son xornalista e escritor. Como xornalista, conto o que pasa. Como escritor, conto o que non pasa (aínda que penso que, se unha historia inventada é boa, acaba por suceder na realidade). Din que o humor son as cóxegas da alma, e eu procuro sempre que quen lea os meus contos use unha man para suxeitar o libro e a outra para suxeitar a barriga de tanto rir.