Entra / Rexístrate

Actualidade

Coñecendo mellor os nosos autores e autoras. Clara Vila-Amado

Clara Vila-Amado é unha escritora de LIX e en Oqueleo alegrámonos de contar coa súa obra Pegadas na tinta.

Hoxe está de aniversario e, aínda que sabemos dela que lle encanta a literatura, que é feliz escribindo para rapaces e para rapazas, quixemos saber máis cousiñas da súa experiencia coa escritura, das súas expectativas sobre a recepción da novela e algunha que outra anécdota que nos quixese contar da súa infancia e mocidade.

Desexámosche moitos parabéns no teu día e moitos éxitos na LIX!

-Onde te criaches e cal é o recordo da infancia que gardas con máis cariño?
Hai tres escenarios da miña infancia que me gustaría levar algún día a unha historia: un é a oliveira brava da casa dos meus avós, co camiño que baixa polo coto e as leiras de herba alta e se interna no monte; outro é o camiño entre as silveiras por riba da miña cabeza e o castelo á vista entre elas; e o terceiro, a paisaxe cambiante das fragas do Eume, que semellaban a entrada ó reino das fadas.

-Cando eras pequena, ¿a que pensabas que te ías dedicar ou "que querías ser"?
Cambiei de opinión varias veces sobre o que pesaba ser cando fose maior. O máis extravagante que quixen ser foi exploradora e ir investigar no fondo do oceáno ou na selva do Amazonas para atopar animais extraños ou unha civilización perdida. O máis realista era ser pasteleira ou chef.

-Tes algunha manía/teima/costume que sempre teñas presente cando escribes ou cando les?
Non teño ningún costume especial cando leo libros, pero si algunhas teimas cando escribo. En xeral, gústame traballar nos primeiros borradores e esquemas da historia en papel, para poder facer borranchos, debuxos ou esquemas mentres penso na construción das miñas historias.

-Cal é o sentimento que che produce saber que os teus textos son tan lidos pola rapazada? Ou cando fas charlas/presentacións ou  intercambios cos pequenos/as lectores?
É estupendo pensar que os rapaces e as rapazas van ler as miñas historias e desfrutar con elas. Espero que o pasen tan ben léndoas coma min escribíndoas.

-Onde adoitas atopar inspiración para as túas historias, para crear os personaxes, para ambientar as peripecias...?
Atopar inspiración é algo moi vago. Para min a inspiración é unha chispa ou unha semente, unha idea chegada como un destello que consegue artellar os personaxes nun escenario e dar paso a un relato. Esa inspiración pode chegar dunha investigación cando preparo o contexto da historia, ou dun encontro casual, dunha nova da prensa, dunha imaxe aleatoria...

-Se agora mesmo che concedesen un desexo para a humanidade, ¿cal pedirías?
Uff... Un único desexo é sempre moi díficil de escoller...

-Que lecturas foron fundamentais para ti e que cres que deberían pasar polas mans de todas as xeracións?
Sempre fun unha lectora voraz, e lin cousas bastante extravagantes, así que pode ser dificil escoller. Ademais, as historias non só cambian de lector/a a lector/a, senón que tamén cambian co tempo. Con todo, máis aló dos contos e dos clásicos, que son algo que se é posible todos e todas deberiamos ler, podo falar dalgúns dos meus libros favoritos: Carapuchiña en Manhattan, de Carmen Martín Gaite, foi a primeira adaptación dun conto clásico que lin e a primeira vez que pensei que se podía cambiar unha historia manténdoa recoñecible; As mil e unha noites, que lle deron unha profundidade e un colorido inestimable ós pobos agachados baixo a etiqueta de islámicos (moi recomendable para o estudantado da ESO), e as series de Enyd Blyton Os cinco ou Torres de Mallory, que están protagonizados por rapazada da mesma idade que tiña eu cando os lía.
Pero un dos libros máis impactantes para min foi unha Xeografía da Terra Media, un volume tipo enciclopedia con mapas, imaxes dos castelos e personaxes, que recollía as historias de fondo e os principais acontecementos do conxunto da obra de Tolkien. Lino nunha biblioteca e non volvín atopalo, pero aínda hoxe lembro o seu encanto e, se podo, espero achegalo á miña biblioteca.

Escritores relacionados