Entra / Rexístrate

Actualidade

María Canosa

María Canosa

Coñecendo mellor os nosos autores e autoras. María Canosa

No panorama actual da LIX o nome de María Canosa é sobradamente coñecido...

...porque a súa traxectoria está chea de publicacións, presentacións, reseñas, obradoiros e unha morea de actividade na que María sempre está mergullada porque non para. Bibliotecas escolares, bibliotecas públicas, asociacións, museos científicos... calquera sitio é bo para compartir experiencias, lecturas e xogos! E que sería de nós, lectores e lectoras, sen ese bo facer de escritoras coma María, que non deixan de producir para que poidamos gozar dos seus textos e de todo o que iso leva aparellado.

Hoxe é o seu aniversario e queremos achegarnos á súa persoa por medio das respostas que nos ofreceu a unha entrevista na que intentamos pescudar como é a súa vivencia de escritora de LIX e a súa propia infancia e mocidade. Alegrámonos moito de ter no catálogo de Oqueleo o Lobo Ramón, que achega a figura do lobiño bo aos máis cativos e tamén O que nunca che contaron, unha obra que trata de satisfacer a curiosidade de nenos e nenas e que sempre lles encanta. Parabéns no teu día e oxalá moitas lecturas máis cheguen por estes lares!

-María, cóntanos algo do lugar onde te criaches e de cal é o recordo ou recordos da infancia que gardas con máis cariño.

Crieime principalmente en Cee (A Coruña), onde segue a estar a “miña” casa, casafamiliar. Pero pasei todos os veráns da miña infancia en Lires, unha aldea do mesmo concello, que tamén considero o “meu” lugar. É por iso, quizais, que nas lembranzas predilectas e máis intensas está Lires, cos seus veráns eternos, o Sol agochándose pouco antes da cea tras o horizonte, os xogos polas rúas e camiños...

En todas as lembranzas, está a ausencia de reloxo, a sensación de tranquilidade e seguridade... a sinxela maxia da infancia.

-Cando eras pequena, ¿a que pensabas que te ías dedicar ou "que querías ser"?

De nena tiña clarísimo que ía ser profesora. Aínda que profesionalmente acabei por orientarme cara a outras cuestións, a docencia segue interesándome e, de feito, dedico parte do meu traballo á divulgación e traballos en centros escolares.

-Tes algunha manía/teima/costume que sempre teñas presente cando escribes ou cando les?

Teño preferencias, como estar ao aire libre, sen excesivo ruído, descalza, escoitando a chuvia... Pero o costume que se converteu en necesidade é a de saber e poder adaptarme á situación do momento, sexa cal sexa, incluso a de escribir a cachiños.

-Cal é o sentimento que che produce saber que os teus textos son tan lidos pola rapazada? Ou cando fas charlas/presentacións ou intercambios cos pequenos/as lectores?

O momento de compartir a historia cos demais, dun ou doutro xeito, está sempre cheo de ilusión. Por unha parte, sinto nervios, porque o que unha escribe e como o escribe pode ser recibido dun xeito e cunha intención diferente. Por outra banda tamén estou ansiosa por saber como o lectorado completa a historia, porque sen el non se podería completar o proceso.

-Onde adoitas atopar inspiración para as túas historias, para crear os personaxes, para ambientar as peripecias...?

A inspiración pode traballarse, pero non é unha musa á que se poida invocar sen máis. O que intento é estar alerta para que, cando apareza unha idea, collela ao voo no momento e logo, deixala madurar.

E eses momentos de inspiración poden estar en calquera lugar, en calquera intre. No medio dunha nova dun xornal, ao outro lado da ventá da casa, nunha frase que alguén di...

Inspirarse en lugares, escenas, historias e xentes reais axuda a non perderse, polo que é habitual que nos meus libros apareza parte da miña vida, aínda que sexa enmascarada.

-Se agora mesmo che concedesen un desexo para a humanidade, ¿cal pedirías?

Reflexión.

-Que lecturas foron fundamentais para ti e que cres que deberían pasar polas mans de todas as xeracións?

O fundamental para min foi ter acceso a distintas lecturas, axeitadas á miña idade, así como ter dereito sobre esas lecturas. Dereito a dicir se me gustaban, decidir se reler ou abandonar a lectura, determe nuns parágrafos, preguntar as dúbidas... compartir impresións sobre a lectura, os personaxes...

E iso é o que me gustaría que non se perdese, a liberdade de elección e a oferta de lecturas diferentes. Porque ler debe ser un gusto e para gustos, colores.

Escritores relacionados