Entra / Rexístrate

Actualidade

Coñeces todos os Entroidos?

Xa aprendemos que o Entroido era unha festa pagá e que dependendo do ano cae nunha semana ou noutra. Durante a celebración desta festa, o humor, as parodias e os disfraces invaden as rúas de aldeas, vilas e cidades, cada un coas súas propias tradicións. Aquí deixámosche unhas cantas, aínda que hai moitas máis.

Calquera dos Entroidos tradicionais galegos é espectacular e todos teñen o seu encanto particular, mais hai vilas que atraen moitos visitantes porque a festa é unha marabilla. Por exemplo, en Xinzo de Limia festéxase o Entroido máis longo, xa que comeza o Domingo Fareleiro e remata co Domingo de Piñata. Aquí o desfile encabézao un grupo de personaxes enmascarados típicos chamados “pantallas” ataviados cun cinto con chocas. En Verín chaman moito a atención as “fariñadas” (batallas de fariña) ou a curiosa figura enmascarada do Cigarrón.

E fóra de Galicia, o Entroido de Santa Cruz de Tenerife é imaxinación, fantasía e vistosidade dos traxes; Cádiz é o Entroido das comparsas, dos coros e das chirigotas; Águilas (Murcia) destaca polo lanzamento de cascaróns (ovos recheos de papeliños) e beber “cuerva”, a “poción máxica” que esperta o espírito do Entroido.

Hai moitos xeitos de festexar este tempo e seguro que en todos podemos atopar diversión. Ti pensaches xa no teu disfrace e onde queres pasar o Entroido?