Entra / Rexístrate

Actualidade

Entroido, Entroidiño, Entroideiro...

Xa contamos por aquí noutra ocasión cal era a orixe do Entroido e algunhas das celebracións que teñen lugar polo mundo. En Galicia hai Entroidos tradicionais magníficos e tan espectaculares que son portada de moitas revistas pola súa vistosidade e por toda a tradición que arraigan e atraen non só a xente da zona, senón que xeran un movemento de turismo importante.

Moitas persoas en obradoiros traballan arreo ao longo do ano para ter preparadas todas esas partes que en conxunto despois locen polas rúas facendo balbordo e animando á festa.

Na maioría de concellos hai desfiles, comparsas, festivais e a xente adoita botarlle moita imaxinación e, sobre todo, vincula os seus disfraces coa realidade política, social e cultural do momento. Este ano puidemos ver polas rúas moitos políticos e políticas, xa que cadrou coa campaña das eleccións, tamén cantantes como Rosalía, Shakira, Carol G desfilaron, de novo canda as Tanxugueiras e outras agrupacións que soaron forte. A Barbie estivo presente xunto con outros personaxes de películas que estiveron de moda e que aínda seguen estándoo, sobre todo personaxes de anime e, entre os máis cativos, os de debuxos animados.

Tamén se sacaron en procesión os Faustinos, Xaimes, Pepes, Pepas, Micaelas e todos eses personaxes que acaban queimados ou indultados. Puidemos ver enterros da sardiña realmente emotivos e ladaíñas extremadamente realistas. O Entroido é un mundo en cada aldea, vila e cidade e, por suposto, sempre acompañado de chulas, orellas, filloas, rosquillas, flores... que a xente comparte ano tras ano.

Hai tanta cousa que mesmo en cada lugar ten o seu nome! En moitas vilas esta fin de semana haberá fin de festa e aínda veremos desfiles, verbenas, comparsas... Que a diversión non pare! Feliz Antroido, Entroido, Entrudo... ou como se diga na vosa zona!