Entra / Rexístrate

Actualidade

Feliz 2021!

Jules Verne, o escritor con máis serendipias literarias, cría firmemente no que hoxe coñecemos como “a realidade sempre supera a ficción”. Sen dúbida, o 2020 demostrou que non estaba equivocado.

Cando caeu a última folla do calendario de 2019, tod@s soñabamos cun ano de melloras no plano individual, mais todo o sucedido fíxonos descubrir que estas só son posibles se buscamos o ben colectivo.

Marzo foi o mes do cambio, supuxo unha mudanza máis importante ca a do cambio dos hábitos cotiáns, foi unha forte sacudida que afectou os alicerces do noso sistema emocional e do das nosas prioridades.

Queremos lembrar con gran respecto e agarimo as persoas que nos deixaron na guerra contra este inimigo invisible e implacable que é o coronavirus, e, por suposto, as súas familias, rotas pola perda e por non poder acompañar os seus seres queridos nun ata sempre cheo de amor.

Pero tamén foi este un período de aprendizaxe, unha viaxe interior que nos levou a descubrirnos e a descubrir @s demais. Agora somos máis conscientes da nosa capacidade de resiliencia e de que a vida sen apertas, bicos e caricias é menos vida; pequenos grandes xestos que lle dan sentido á nosa existencia. Valoramos aínda máis ca antes o labor das guerreiras e dos guerreiros dos diferentes sectores profesionais que fixeron o imposible por coidarnos e protexernos.

Moi especialmente, queremos destacar o labor das profesoras e profesores quen, coma o protagonista do filme A vida é bela, de Roberto Benigni, o deron todo por ensinar, ilusionar, xogar, acompañar… as nosas nenas, nenos e adolescentes nestes longos meses de illamento e confusión.

Grazas a todas e todos vós, lector@s, por tantos e tantos momentos que compartimos, pola compaña, apoio e fidelidade, que encheu de sentido e esperanza o día a día de Oqueleo. Non queremos nin podemos rematar esta reflexión sen agradecer a xenerosidade d@s creador@s, que non dubidaron nin un segundo en levar a cultura ás RRSS sen esperar nada a cambio; estamos convencid@s de que a súa entrega foi a semente de novas lectoras e lectores.

Desexámosvos un moi feliz 2021! Esperamos que sexa a fin de todos os pesadelos e o comezo dun longo camiño de soños compartidos cara á consecución dos tan ansiados ODS.