Entra / Rexístrate

Actualidade

Samaín 2021

O Samaín

Samaín, Halloween ou Todos os Santos son celebracións que se fan arredor do primeiro de novembro e que veñen de antigo e chegan ata nós máis ou menos transformadas.

Todas estas tradicións teñen a súa orixe nas culturas indoeuropeas, que festexaban a fin do verán e o comezo dun novo ciclo agrícola e tamén dun novo ano, que nacía coa estación escura.

Neses días de transición, os espíritos dos mortos andarían entre os vivos, mellor ou peor recibidos. E desa crenza precisamente derivan moitos dos ritos que se manteñen aínda hoxe.

Cada ano vese máis ilusión e implicación no festexo do Samaín, porque pasar medo e narrar o medo sempre é algo que, no fondo, moito nos gusta inda que nos dea arrepío!

Os centros educativos énchense de selección de lecturas de medo, de decoración terrorífica, de concursos de calacús, de relato oral, de contos terroríficos… Moito nos presta botarlles un ollo a eses blogues das bibliotecas inzados de propostas da riqueza cultural e tradicional que non esmorece e das novas creacións da xente nova, dá xenio escoitalas e lelas!

Desde Oqueleo queremos achegar tamén algunha proposta, pois sabemos ben que na noite de Samaín, as bruxas andan ceibas e descobren algúns segredos, como sucede en Bruxa e familia.

Cartel Samaín Oqueleo 2021

Tamén queremos poñer un gran de área para achegarvos a un mundo máxico ao que se accede tras aceptar a invitación a un misterioso xogo, coma en Kibuko.

Para os rapaces e rapazas máis grandes, propoñemos a intrigante novela de Jaureguízar, na que o enigmático fillo do anfitrión dunha estraña illa nos fai desentrañar a escura sociedade que se plasma n'O Bosque Pálido. Pero ningún medo é superior ao que temos de nós mesmos… que llo pregunten a Hilario e os tres medos!

Agardamos que gocedes das nosas propostas e de moitas outras que vos metan esa sensación no corpo… xa tendes preparadas as vosas lecturas para pasar unha noite de "grandes impresións"?