Entra / Rexístrate

Actualidade

Volvamos ás librarías!

Xa volvemos á escola, volvemos xogar, volvemos quedar en locais, volvemos xuntarnos en familia e con amigos... volvemos á fin e ao cabo, abrindo paso de novo á vida social e familiar que tanto se botou en falta.

Volvamos tamén aos libros, volvamos encher as librarías e poñamos en marcha de novo toda a maquinaria porque, se algo demostrou a pandemia, é que o noso tempo de ocio enchémolo de novelas, documentais, filmes, series, libros de divulgación, revistas, música, poesía… #aculturaésegura e non só iso, senón que é o que nos mantivo espertos, ilusionados e esperanzados.

Compartíronse momentos en familia, en comunidade, deixando diante das portas de veciños e veciñas que non podían saír nunca lotes de entretemento, paquetiños preparados con todo o afecto, fixéronse bibliotecas de comunidades, procurouse o xeito de seguir mercando libros facendo encargas por teléfono, reservando pola rede…

Os libros sempre foron e son un fiel amigo e as librarías, para moitas persoas, son coma unha segunda casa, un refuxio. A maioría delas son, ademais, comercios de proximidade e están atendidas por profesionais que son os nosos veciños e veciñas, e que nos axudan a elixir a mellor lectura para cada momento, porque co tempo xa nos coñecen e ata nos poden aconsellar. En vilas, barrios e cidades, dinamizan a cultura e fomentan a lectura a través das actividades que van organizando e dos fíos que van tecendo entre a clientela.

Neste tempo tan difícil para todos, este 11 de novembro queremos darlles as grazas e dicirlles que apoiamos o seu labor. Queremos que este día sexa de festa, pero tamén reivindicativo pois teñen un papel esencial no sector do libro e tamén na sociedade. Así que hoxe será un bo día para pasar pola nosa libraría de confianza e, á parte de facer as nosas compras, lles lembremos o importantes que son.

Volvamos aos libros, volvamos ás librarías!