Entra / Rexístrate

Actualidade

Coñecendo mellor os nosos autores e autoras. Héctor Cajaraville

Que sería de lectores e lectoras sen esas persoas que saben, coma ninguén, plasmar con palabras historias, versos, personaxes, accións, lugares...?

Moitos son os autores e autoras que se dedican a facernos chegar todo ese universo que nos ten atrapadas durante horas e días. Queremos darlles as grazas a todos e tamén achegármonos un pouco máis á súa persoa, porque a literatura infantil e xuvenil é determinante para as vidas de rapaces e rapazas e porque é un marabilloso mundo de posibilidades do que saben quitar partido coma ninguén.

Hoxe imos coñecer un pouco máis a Héctor Cajaraville e por ser hoxe o seu aniversario, traemos aquí o que nos contou a través dunha entrevista na que quixemos afondar na súa relación coa LIX como lector e como escritor e os recordos da súa propia mocidade.

Héctor ten publicadas moitas novelas para público xuvenil, aínda que tamén para público adulto. Nós celebramos os títulos O segredo da casa de Formoso e Os metrosiderais e confiamos en que vaian chegando moitas máis historias! Moitas grazas por permitirnos coñecerte un pouco mellor, Héctor!

-Héctor, cóntanos algo do lugar onde te criaches e dos recordos da infancia que gardas con máis cariño.

Nacín en Santiago de Compostela e botei desde os 4 ata os 30 anos no barrio de Vite, onde se sitúan as miñas primeiras lembranzas. Recordo con agarimo o olor da plastilina nos barracóns de “parvulitos” do Burgo, o “Cuadrado” do río Sarela onde no verán nos bañabamos os que non podiamos ir á praia e o acueduto da Ponte Mantible nos servía para evocar épicas andanzas que só existían no noso maxín. Tamén as larpeiradas do posto ambulante da señora Paca e as praciñas de chapapote onde xogabamos os dos bloques brancos e nas que me manquei con feridas cuxas marcas aínda subsisten hoxe en día.

—Cando eras pequeno, ¿a que pensabas que te ías dedicar ou "que querías ser"?

De pequeno dábanseme tan ben as matemáticas que os veciños de Vite ata me paraban pola rúa para preguntarme canto eran sete por quince ou seiscentos vinte e nove máis novecentos oitenta e catro. Logo descubrín a lectura e penso que desde ese momento, dun xeito máis ou menos consciente, a posibilidade de dedicarme a escribir quedou aberta.

—Tes algunha manía/teima/costume que sempre teñas presente cando escribes ou cando les?

Teño a grandísima sorte de poder ler e escribir en calquera situación, podo abstraerme e concentrarme nos lugares máis insospeitados. Algúns dos meus libros foron escritos na casa, en bibliotecas, en cafeterías, na sala de espera do médico, no hospital coidando de alguén da miña proximidade... Cando a idea prende, non preciso máis nada que un ordenador.

—Cal é o sentimento que che produce saber que os teus textos son tan lidos pola rapazada? Ou cando fas charlas/presentacións ou intercambios cos pequenos/as lectores?

Malia os cinco ou seis anos que xa pasaron desde que vou polo centros para falar dos meus libros, sigo preso dunha sensación de incredulidade que en lugar de mitigarse, se acrecenta. Ver que algo que xurdiu da miña imaxinación conecta coas persoas que logo len iso que escribín é algo tan máxico que nunca crin que me puidese acontecer a min. E nas charlas nos centros, aínda que de cen rapaces e rapazas só unha escoite sen pestanexar o que eu lle poida dicir, para min xa paga a pena.

—Onde adoitas atopar inspiración para as túas historias, para crear os personaxes, para ambientar as peripecias...?

Teño a grandísima sorte (de novo) de que aproveito todo o que teño, vexo ou sucede ao meu redor. Algo que me contan, o que leo nun xornal ou vexo na televisión, unha historia que leo, as miñas propias experiencias persoais tamizadas polo filtro da creatividade, unha persoa que coñezo e me fascina... A realidade, o día a día, fornéceme de material literario de xeito permanente; o que me dá pena é que ás veces non son quen de darlle forma a tanto prodixio que acontece arredor de nós todos os días.

—Se agora mesmo che concedesen un desexo para a humanidade, ¿cal pedirías?

A igualdade. Incluso nos lugares máis avanzados nese camiño cara á igualdade, coma este en que vivimos, as diferenzas entre as persoas seguen sendo enormes e, o que é aínda peor, moitas delas están normalizadas e naturalizadas. Gustaríame chegar a ver como sería un mundo en que ninguén sexa máis que ninguén, pero de verdade, non só no papel.

—Que lecturas foron fundamentais para ti e que cres que deberían pasar polas mans de todas as xeracións?

Non creo que haxa lecturas obrigadas, nin sequera que unhas sexan mellores ca outras. Cada un encontra o que sexa que o conecta coa literatura nos lugares máis insospeitados, mesmo naqueles que, revisitados, acaban pasando do fundamental ao rexeitable. A min pasoume con Tintin e Astérix, que agora queiman nalgúns lugares por irrespectuosos coas comunidades indíxenas; con Enid Blyton, acusada de racista e de clasista; ou cos tebeos de Carpanta ou Rompetechos, personaxes de difícil encaixe nos parámetros da actual corrección política. Así que de recomendacións, nada: nos interminables camiños da literatura, que cada un encontre o seu.

Escritores relacionados